A Zona C acolle por vez primeira un proxecto de creación literaria, que baixo o título 'Sem grana e sem frescura' da autora Constance Hurlé, vén de concorrer á convocatoria de proxectos de intervencións artísticas para a Zona C, na modalidade de proxectos de creación literaria. O último andar deste espazo convértese así no lugar onde realizar o proxecto da escrita nos meses de maio a xullo de 2022. O resultado do traballo de Constance Hurlé será a edición da obra.
ACTIVIDADES
Durante o período de residencia na Zona C, a autora, Constance Hurlé, levará a cabo unha serie de intervencións no espazo co fin de establecer unha ponte entre a literatura e o público.
EXPOSICIÓN_ 3º andar
Poderá visitarse unha exposición conformada por imaxes e obxectos relacionadas coa viaxe autobiográfica da que trata a novela en construción (consultar na recepción da Zona C ou solicitar cita previa no mail constancehurle@gmail.com)
RECITAL
Durante o periodo de residencia desenvolvese un taller de escrita creativa dirixido pola escritora. Os resultado dos traballos desenvolvidos cos participantes terán forma final de recital.
As persoas asistintes ao taller escollerán unha serie de textos e compartirán as súas creacións literarias co público.
DATA e HORA: mércores 22 de xuño de 18.30 a 20.00 h. (3º andar)
Entrada libre até límite de aforo
INTERVENCIÓNS POÉTICAS
Serán convidados dous poetas da escena local compostelana para acompañar á autora nun diálogo lírico onde a palabra se transmite a través da performatividade, o xogo poético e o spoken word.
As persoas convidadas serán Peter Brea e Paulo Maestro, recoñecidos activistas culturais e parte activa do Poetry Slam Compostela.
DATA E HORA: os xoves 16 e 30 de xuño de 18:00 a 19:00 h (3º andar)
Entrada libre até límite de aforo
CLAUSURA RESIDENCIA LITERARIA
Como colofón do período de residencia e a xeito de peche, a escritora Constance Hurlé fará un acto de clausura no que presentará o proceso creativo da obra, mostrando a exposición que a acompaña e lendo fragmentos da novela, todo acompañado cun viño de honra. Peter Brea será o mestre de cerimonias desta última intervención no 3°andar da Zona C por parte da artista
Data: venres 15 de xullo
Hora 18:00
Duración: 45'
De balde ate completar aforo
3°andar da Zona C
______
"Durante case oito meses estiven viaxando facendo autostop ao longo de Brasil. Sem grana e sem frescura era unha das miñas frases durante a viaxe, trátase dun refrán brasileiro que quere dicir algo así como “sen cartos e sen miramentos”. Esta obra, por tanto, mostra ese periplo por Brasil, unha viaxe durante a cal atravesei 16 dos 26 estados do país prescindindo dos cartos e as comodidades. O relato toma como punto de partida unha serie de notas e fragmentos que fun escribindo ao longo da viaxe, así como doutros textos escritos por persoas que me acompañaron nalgunha das etapas.
Durante eses meses vivín unha longa serie de aventuras, unhas fermosas e outras moi duras, converténdose a experiencia nunha aprendizaxe indiscutible. Asistín a rituais de culturas indíxenas, coñecín o Santo Daimán, tomei ayawasca, troquei ideia con outros viaxeiros, axudei a unha muller maltratada a abandonar ao seu home, estiven ingresada rozando a morte, fun vítima de acoso, leváronme á comisaría por unha equivocación, bañeime nas fervenzas máis fermosas que viron os meus ollos, aprendín a traballar o fío, a facer fogueiras, a durmir á intemperie e a cagar nun buraco cavado polas miñas propias mans. Agora chegou o momento de transmitir estas experiencias, por iso xorde a necesidade de facer da miña travesía unha novela".
Constanza Garabatos Funes (Constance Hurlé), Vigo, Pontevedra, 1990
Licenciada en filoloxía clásica pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada no Máster en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona. No plano teórico participa e asiste a congresos de artes escénicas de forma activa e formou parte do Congreso Internacional para Jóvenes Investigadores de Estudios del Teatro, no ano 2018. Comeza dende moi pequena facendo teatro e pasará ao longo da súa vida por diferentes disciplinas e escolas de artes escénicas e danza, destacando a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov en Granada e A Artística da man de Olga Cameselle. No 2014 iníciase no microteatro coa peza dramática El día después. O seu primeiro proxecto poético musical é A mazá de Rosalía (2016). Conforma un dúo poético musical con Rui Grenha, con dous concertos presentados ”bic in progre[s]” (2017) e hacialaluz (2019), a partir dos cales publicará os poemarios bicmordido (2017, Ed. Carena) e hacialaluz: poesía, sonido, imagen (2019, Ed. La Fábrica de libros), alén dun fanzine poético autoeditado. Fai literatura coma medio de expresión das emocións e crítica social. Conxuga poesía e escena navegando polos xéneros híbridos. Recentemente foi premiada coa peza Monólogo para corpo en movemento no Festival FIOT (2020) e polo seu microrrelato Manaus no concurso de relatos contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ribadavia, novembro de 2020. Participa en festivais de poesía como o Keruac (2018) ou o Festival Nun Local (2018) con intervencións poéticas, alén de diversos eventos como slams, recitais, jams de improvisación vocal, etc. Dirixe e interpreta a obra de teatro contemporáneo Lara Hierro (Rianxo, 2022).
WEB CONSTANCE HURLÉ