20 MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO

DATOS BÁSICOS

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego celebra do 12 ao 16 de marzo o seu vinte aniversario con medio cento de proxeccións, actividades paralelas e programación para escolares. A MICE reunirá en Santiago de Compostela a cineastas, antropólogos e público xeral nunha cita que suma dúas décadas de compromiso coa divulgación cultural, coa creación de espazos de diálogo entre o cinema e a antropoloxía e coa promoción de novas miradas sobre a realidade social. Unha traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20.000 persoas que levan participado da Mostra nestes vinte anos. 

A presentación oficial da programación tivo lugar esta mañá no Museo, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 20 MICE, Mirian Opazo; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Coruña, Natividade González; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. 

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu o labor de todo o equipo que fixo posible chegar celebrar este vinte aniversario, así como o apoio das institucións que dan soporte financeiro ao festival. "Unha Mostra feminina, feministra e paritaria" que fala dun cinema que "explora o máis íntimo da cultura do noso país e doutros países e nos enriquece a nós e que leva a cultura galega por outros sitios de España e do mundo", apuntou Concha Losada. E un festival que mantén firme o seu "compromiso coa igualdade, coa accesibilidade e coa sustentabilidade" e que nestas dúas décadas conseguiu converterse "nun referente a nivel galego, estatal e europeo", segundo subliñou a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira. 

Amais de animar a todas as veciñas e veciños de Santiago e de toda Galicia, así como ás persoas que nos visitan a participar da Mostra, Míriam Louzao Fernández parabenizou ao equipo da MICE por estas "dúas dúas décadas de ollares compartidos". A repesentante municipal subliñou a "consolidación deste evento que é xa referente" e que amosa un "cinema que poucas veces atopa espazo nas salas comerciais" e que ten servido de "plataforma para novas creadoras que deron os seus primeiros pasos na Mostra", para visibilizar o cinema realizado por mulleres e para "achegar o cinema etnográfico ás e aos cineastas do mañá". 

13 filmes nunha sección oficial con predominio de realizadoras 

Esta será a décima edición da MICE como festival internacional con seccións competitivas, cun total de 13 filmes a concurso doutras tantas nacionalidades e cun xurado integrado pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme – Festival Internacional de Cinema Rita Capucho. 

Entre os trece filmes, 7 deles dirixidos por mulleres, que competirán polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, veremos as estreas en España de A s’Orgolesa, a peza de Davide Melis sobre o Canto a Tenore cerdeño; Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil; o filme Kongo, no que a cineasta Daiana Araujo indaga sobre o que é o ser cubano; e a peza documental do francés Thivolle Lo Le boxeur chancelant. 

Ademais, a MICE acollerá a estrea en Galicia de Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias, sobre procesos de expresión e reconstrución das masculinidades proxectadas en torno aos rituais festivos ibéricos; o filme Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina; e Togoland Projections, no que o director, Jürgen Ellinghaus, amosa ao público actual de Togo material cinematográfico rodado alí durante a antiga era colonial. Competirán tamén neste capítulo internacional os filmes A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro, sobre a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources; e o filme portugués Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. 

Na sección oficial, tamén catro producións galegas que optarán ademais ao Premio MICE ao Mellor filme etnográfico galego: Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 

Ademais, todas as películas a concurso optarán tamén ao Premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 16 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado pola poeta María Lado. 

Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 571 026
  • Descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Mércores, 12 Marzo, 2025
Varios lugares