CONCERTO '50 ANOS DE ABRIL'

DATOS BÁSICOS

A seguir coa axenda conmemorativa do aniversario da Revolución dos Caraveis e da chegada da democracia a Portugal, Teatro Principal acollerá na noitiña do xoves 25 o concerto '50 anos de abril', un evento que promove a Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña. O recital reúne a artistas de Galicia e a Lusofonía para celebrar a obra do Zeca e a súa pegada nas culturas a ambas beiras do Miño.

Abrirá a noite Couple Coffee, un dúo luso-brasileiro conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello que ofrecerán ao público asistente un espectáculo singular con novas sonoridades qye van dende o hip-hop ao fado, pasando pola música africana.

A seguir, tomarán o escenario do Teatro Principal  Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido cunha proposta que afonda na figura e repertorio do cantante Zeca Afonso dende unha perspectiva transgresora e contemporánea. O trío Nacho-Faia-Lar ofrécenos unha visión renovada da obra do cantante portugués cun concerto que se move entre a tradición, a vangarda e a experimentación sonora.

Pecharán o concerto Nara e Manuel, o dúo compostelán integrado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, que ofrecerán ao público do Princial a súa  "canção de intervenção" a través dos seus instrumentos: violín, voz, viola caipira e sintetizador, mesturando melodías galegas e do Zeca con bordóns, loops e outros elementos. 

Este acto de homenaxe pretende celebrar a chegada da democracia e o florecemento cultural e a vinculación de Portugal e Galiza a través, precisamente, do fío artístico e reivindicativo que emerxeu naqueles anos de efervescencia das liberdades logo das ditaduras que padeceron ambos os lugares.

O acceso é libre ata completar a capacidade do espazo

AJA-Galiza

A AJA-Galiza naceu en 2018 logo de asinar un protocolo coa directiva de Portugal para a súa constitución. Numerosas persoas e colectivos expresaron o seu apoio para impulsar esta asociación que afonda na vinculación do Zeca Afonso co noso país mediante un labor de investigación e difusión do seu legado.

Logo destes 5 anos de andaina, a AJA-Galiza organizou máis de 10 concertos, 6 presentacións de publicacións que fixeron xira por diversos puntos da Galiza, 8 exposicións itinerantes, palestras ao vivo e por streaming (por mor da pandemia da covid), un gran mural no Burgo das Nacións, ademais de ter presenza nas principais feiras culturais do país.

Entradas: 

Entrada libre até completar a capacidade do espazo

Funcións: 
Xoves, 25 Abril, 2024
20:30
Teatro Principal